Que é e como preparar un café capuchino.

Preparando un café capuchino.

 

O café capuchino é un dos cafés máis demandados nas cafeterías galegas despois do café con leite, o cortado, ou o só, trío clásico das nosas cafeterias.

 
O capuchino moderno é o resultado da popularidade das máquinas de café expreso.
 
Non se entende o café capuchino sen o café expreso, e as lancetas que permiten emulsionar o leite conseguindo a crema de leite tan características destas máquinas.
 
As diferenzas entre un café capuchino e un café con leite veñen determinadas polas proporcións de café, leite e crema emulsionada do leite:
 
Tanto é así que mesmo é difícil distinguir se o barista está a preparar un café con leite ou un café capuchino a primeira ollada.
 
  • O café con leite, leva un bo café expreso, unha capa de leite, e unha capa fina de escuma na parte superior.
  • Mentres que o capuchino leva un bo café expreso, unha capa de leite e unha capa grosa de escuma de igual espesor que a de leite.
Entón queda claro que a diferencia está en que o capuchino utiliza máis crema de leite que o café con leite.
 
A segunda diferenza está nas proporcións entre a cantidade de café e de leite leite que utiliza en cada caso.
 
  • O café con leite faise con café expreso normal, 30 ml, e unha capa de leite e a crema de leite emulsionada que supoñen cada unha o 50% do café con leite.  Por tanto o café con leite ten  aproximadamente o 50% de café expreso e 50% de leite e crema de leite, aínda que pode haber variacións locais.
  • No capuchino a proporción da suma do leite e crema de leite emulsionada é moi superior, 120 ml, fronte a 30 ml de café expreso. Dividíndose na mesma proporción o leite e a crema de leite emulsionada 60 ml cada un.
Dígovos isto por que vendo vídeos de preparación de capuchinos é moi difícil atopar un onde se aprecie a diferenza para o profano  de preparar un café con leite ou un capuchino, por que a diferenza está simplemente nas proporcións de leite e crema de leite que se lle engade ao café expreso.
 
Queda claro que a mesma leite tratada da mesma maneira pode dar un café con leite ou  un café capuchino dependendo da cantidade de leite e de crema emulsionada de leite que se utilice no proceso.
Para evitar que te volveses tolo vendo vídeos en Youtube preferín volverte eu tolo antes coa miña descrición das proporcións de café expreso, leite e crema emulsionada de leite para capuchino, perdoa.
 

 
 

Que é entón un café capuchino?

Un café capuchino clásico ten aproximadamente uns 150 ml, estando composto de café expreso ao que se lle acompaña leite e crema de leite a partes iguais.
 
O café expreso serian uns 30 ml dos 150, e a lecha e a crema de leite 60 e 60 ml cada unha.
 
Para facer en casa un bo capuchino ao estilo italiano tes que dispoñer dunha máquina de expreso, senón será realmente complicado conseguir os mesmos resultados que nunha cafetería.
 

Imos coa receita do café capuchino

 

Os ingredientes do capuchino:

  • Café  de calidade, 7 - 8 gramos de café recentemente moído por cada café.
  • 120 ml de leite enteiro fresco e frío, sen uperizar por favor.
  • Auga purificada ou mineral

 

Materiais necesarios para facer o café capuchino:

  • 1 xerra metálica de leite de 25 cl para facer a escuma
  • 1 cunca de capuchino duns 175 ml
  • 1 cafeteira expres
  • 1 muíño de café de moas se é posible para moer o café sempre xusto antes de preparar o café.
  • 1 tamper ou compresor de café, para comprimir o café no porta café
  • Se non tes moita pericia no seu uso, un termómetro para controlar a temperatura do leite no proceso.
 

O proceso de elaboración do capuchino.

 

Preparación do café expreso.

Elixe sempre un café de calidade, que debe de estar fresco, é dicir, non debe de pasar moito tempo desde o seu envasado
 
Moes os 7 ó 8 gramos de café nun muíño de moas xusto antes de preparar o café expreso por cada café.
 
O punto de moído é fino, xa que a base do café capuchino non deixa de ser un café expreso.
 
Poñer en porta filtro da maquina de café expreso,  presionando co tamper ou compresor para que o café quede homoxéneo e comprimido no caciño do portacafé.
 
Extraes o café durante 20 ou 25 segundos, a uns nove bares de presión. 
 
Para profundar máis en como facer un café expreso pedías facer o post: Café expreso que é e como se prepara.
 

 
 

Quédanos preparar o leite para facer o café capuchino.

 
Como dixemos o leite fresco, o que pretendemos é extraer unha capa de leite emulsionada, con todos os azucres, graxas, e sabores que achega o leite.
 
A uperización fai que eses azucres e graxas non sexan os mesmos que no leite fresco pois o leite sofre un proceso de rápido quecemento e arrefriado que cambia as súas características organolépticas.
 
Para conseguir a emulsión do leite o proceso é o mesmo que seguimos para conseguir unha boa emulsión nun cafés con leite.
 
  • Vértese o leite no recipiente metálico.
  • Compróbase que a lanceta teña vapor , á vez que se limpa a lanceta.
  • Introdúcese a lanceta nun centímetro, a uns milímetros de distancia da boca da xerra metálica.
  • Déixaselle dar voltas ao café á vez que se vai conseguindo esa crema que non é máis que escuma emulsionada do leite.
 
É importante controlar da temperatura, o leite non debe de pasar dos 65º.
 
Se o proceso esta ben feito deberiamos de ter o leite quente, e a escuma preparada para o noso café capuchino.
 
Agora entra en xogo a pericia do barista, debemos de verter o leite no café que fai un momento preparamos, nas proporcións establecidas, 60 e 60 ml de leite e crema de leite emulsionada.
 
Se levantas a xerra do leite cando vertes o leite no café sairá leite, se achegas a xerra á cunca sairá crema.
 
Feito isto xa tes un café capuchino. Só queda practicar ata dominar todo o proceso.
 
Un apuntamento as medidas utilizadas son as que a nós parécennos mellores.
 
Atoparás sitios onde preparar un capuchino con máis crema de leite emulsionada que leite, non respectando o 50% de leite e 50% de crema de leite, outros prefiren igualar a cantidade que utilizan de café, leite, e crema de leite, 33% de cada un dos compoñentes.
 
como se prepara un café capuchino
 
 
En liñas xerais un capuchino para selo ten que ter máis crema de leite que un café con leite.
 
Somos pouco amigos de pontificar, e opinamos que na variedade está o gusto así que probade cal é o que máis vos gusta e  vos convence.
 
Xa se queres completar o teu capuchino con canela, ou chocolate, é a tua decisión para gustos píntanse cores.
 
Eu prefíroos cun bo café de base e gozar do sabor sen moita adición posterior.
 
Feliz Semana e un bo café... capuchino.

 

Engadir un novo comentario

Plain text

  • Non se permiten etiquetas HTML.
  • Os enderezos de páxinas web e os de correo electrónico son convertidos automaticamente en enlaces.
  • Saltos de liña e parágrafo automáticos.
CAPTCHA
Esta pregunta é para comprobar se vostede é un visitante humano e previr envíos de spam automatizado.
Imaxe CAPTCHA
Introduza os caracteres amosados na imaxe.
▲ Superior